Tuesday 07 de May de 2024

O Colexio de Enxeñeiros Industriais ofrece a súa colaboración ao Concello de Santa Comba en materia de instalacións, estruturas e enerxía


O alcalde xalleiro, José Antonio Ucha, aceptou a invitación do delegado en Santiago, Fernando Branco, a participar nas V Xornadas de Enxeñería, Enerxía e Industria “Eficiencia enerxética e innovación”

O delegado en Santiago do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Fernando Branco, reuniuse co alcalde de Santa Comba, José Antonio Ucha, para presentarlle institucionalmente o Colexio e poñerse á súa disposición para calquera tipo de consulta sobre instalacións, estruturas e calquera ámbito da enxeñería industrial que lles poida afectar. Ao contar cunha formación xeneralista, o enxeñeiro industrial cobre áreas moi variadas: enerxía, mecánica, construción, fabricación, electricidade, electrónica, transporte e loxística, materiais, acústica, comunicacións, homologación e propiedade industrial, medio ambiente, organización da produción, certificación enerxética, xestión empresarial.

Neste sentido, Fernando Branco informou a José Antonio Ucha da existencia dun convenio de colaboración entre o ICOIIG e a FEGAMP que permitiría que enxeñeiros industriais desempregados realizasen prácticas non laborais en concellos como Santa Comba. Unhas prácticas de entre 3 e 6 meses que “permitirían dotar a Santa Comba duns especialistas como os enxeñeiros industriais, que poderían achegar os seus amplos coñecementos para contribuír ao desenvolvemento do municipio e avanzar na eficacia da xestión do Concello”.

Así mesmo, Fernando Branco aproveitou a reunión para convidar o alcalde a participar nas V Xornadas de Enxeñería, Enerxía e Industria “Eficiencia enerxética e innovación”, que se celebrarán o próximo 28 de xaneiro no Hotel Peregrino de Santiago de Compostela. Ucha Veo mostrou o seu interese polo evento, no que prestixiosos profesionais debaterán sobre a innovación no sector enerxético, e confirmou tanto a súa presenza como a de técnicos municipais nas xornadas.

Garantía de seguridade

Finalmente, Fernando Branco informou o alcalde de Santa Comba sobre a figura do visado voluntario, unha garantía de que o autor do proxecto ten recoñecidas as competencias para facelo e conta cun seguro de responsabilidade civil en vigor. “O visado voluntario é unha garantía de seguridade para a cidadanía, xa que garante que a persoa que deseñou un proxecto posúe os coñecementos necesarios para facelo e que conta cun seguro de responsabilidade civil para facer fronte a calquera reclamación presente e futura, algo que as Administracións non sempre poden comprobar en todos e cada un dos proxectos que se xestionan e que co visado voluntario queda garantido”, indicou Fernando Branco.

Neste sentido, o delegado do ICOIIG en Santiago indicou que a Lei 9/2013 do Emprendemento axiliza a implantación de actividades pero, ao mesmo tempo, pode provocar a posta en marcha de actividades industriais e instalacións que non cumpran toda a lexislación, xa que os controis son máis relaxados con respecto á situación anterior. Por iso fixo fincapé na necesidade de que concellos como o de Santa Comba coñezan que poden dirixirse ao Colexio para resolver as súas dúbidas en canto ás atribucións profesionais dos autores dos proxectos, garantindo así a seguridade da obra e evitando o intrusismo profesional.